Alfonso Villares: “Queremos que a SEPI interveña Alcoa porque o 25 ou 30% do orzamento local depende dela”

Alfonso Villares, alcalde de Cervo, está a vivindo en primeira persoa os tirapuxa sobre a factoría de Alcoa situada en terreos do seu termo municipal. A súa posición fronte ao conflito da factoría de aluminio é que desde o Goberno non se tomaron as medidas pertinentes para rebaixar o prezo da enerxía, cabalo de batalla da empresa alumineira. Por outra parte, o alcalde cervense cre que se poden dar pasos cara novas iniciativas como alternativa económica e de emprego.

Alfonso Villares, alcalde de Cervo. AXM

-Como alcalde e cidadán de Cervo, como está vivindo o momento que pasa a factoría de Alcoa en San Cibrao?

Cunha intranquilidade que xa leva moito tempo. Vivimos dentro dun clima onde están en xogo moitos postos de traballo coas súas familias, todos e todas vinculadas a unha empresa con máis de corenta anos de presenza no noso concello. Por tanto, a incerteza é a sensación máis presente nestes momentos.

-Cre que Alcoa ten unha verdadeira intención de vender as instalacións?

O pouco que sabemos é polos contactos co comité de empresa. Durante ano e medio pedíuselle ao Estado un estatuto de electrointensivas, dito estatuto foi reclamado polo comité e quen debía aprobalo non o fixo. Agora a pretensión e que Alcoa dea un paso para adiante, se iso é a solución. Por outra parte, no Concello aprobamos en pleno unha petición do comité de empresa, que a SEPI interveña a empresa. Iso non só o pediu o comité de empresa, tamén había partidos que estaban no Goberno tamén o pedirían. A aprobación en pleno, e non só en Cervo senón noutros municipios, é un garante para que venda Alcoa e a SEPI sexa a intermediaria da operación.

-Están certos que a intervención da SEPI facilitaría a venda ou polo menos unha saída a actual situación da empresa?

O que pedimos é a intervención da SEPI para un proceso garantista de venda. Cremos que se se deixa en mans das empresas un proceso así sen ningún tipo de intervención, neste caso a estatal que é a competente, habería moi poucas garantías e insisto, isto é o que pide o comité de empresa. Por outra parte, teñamos en conta que o 25 ou 30% do orzamento local depende de ALCOA.

Durante ano e medio pedíuselle ao Estado un estatuto de electrointensivas, dito estatuto foi reclamado polo comité e quen debía aprobalo non o fixo

-En canto as comunicacións terrestres do Concello, cal é a avaliación que fai as infraestruturas existentes? Que puntos sería necesario abordar?

Somos unha comarca de 70.000 habitantes, por tanto o noso peso demográfico no conxunto de Galicia e do Estado é o que é. Sobre as comunicacións levamos moitos anos falando delas e temos o que temos. Temos un ferrocarril como o FEVE, que non é atractivo nin creo que o sexa nunca. Se miramos con perspectiva, os que están na oposición reclaman isto e aquilo e logo cando están no goberno pasa o que pasa e así anos e anos. Ao final a falta de unidade reflíctese no estado das comunicacións que temos. En tal caso, se perdemos a factoría de Alcoa, as comunicacións empeorarán.

-Que explicación lle dá ao feito de haber maiores investimentos en infraestruturas?

Se cadra está detrás o feito de non saber promocionar a comarca para facela atractiva. Insisto en ser consciente do número de persoas que viven na comarca. Aínda así, iso non quita de reclamar infraestruturas e servizos, mais o certo é que xa cansa reivindicar para seguirmos tendo o mesmo, por iso insisto en que non nos quiten Alcoa.

-Aínda así, cales serían os puntos que poría sobre a mesa para mellorar a situación das comunicacións por estrada?

Deberíase continuar a autovía desde Barreiros até mesmo Ortigueira, iso a nós nos aliviaría moito tráfico. Sobre o tren, non é un medio de comunicación atractivo para a maioría, quizais si nun aspecto turístico, non así como transporte de viaxeiros.

Se miramos con perspectiva, os que están na oposición reclaman isto e aquilo e logo cando están no goberno pasa o que pasa e así anos e anos

-Dentro do seu concello hai outras industrias á parte da factoría de aluminio. Están fomentando outro tipo de inciativas ademais das existentes?

O importante non é falar de inciativas senón que alguén teña intención de polas en marcha. Sargadelos por exemplo, é un sinal de identidade; tamén temos piscifactorías no polígono de Cuíña e empresas doutros sectores. En caso de instalar novas empresas, debemos contar que estamos nun extremo de Lugo e de Galicia que influirá sobre todo no sector turístico, unha área aínda por explorar. E desde logo manter as industrias xa existentes. O turismo pode ser a industria con máis posibilidades dentro de Cervo. Por iso digo que as administracións debemos revitalizar o noso patrimonio e converternos nun lugar atractivo.

-Cales son os grandes puntos a explotar por Cervo de cara a unha industria do turismo de calidade?

O noso patrimonio, comezando polo centro de Sargadelos, aí temos un lugar que é historia viva e tamén contamos cunha costa e cun interior moi atractivos. Por tanto, traballar o noso medio e patrimonio pode ser unha boa vía de atracción para iniciativas privadas. Un exemplo está en Sargadelos propiamente, onde mediante unha iniciativa que consiste en destinar locais para emprendedores a prezos económicos, poden nacer diferentes propostas empresariais. As iniciativas a maiores serán aquelas que a empresa privada desexe instalar aquí. O que si ofrecemos en Cervo son as nosas infraestruturas públicas para o desenvolvemento de iniciativas tanto en Sargadelos como no polígono de Cuíña. Por outra parte, temos muíños funcionando desde hai anos e tamén existe o proxecto dun parque eólico entre as parroquias de Rúa e Trasbar sen prexudicar espazos naturais. Se non hai outra alternativa, é unha forma de xenerar ingresos mediante os alugueres que podan facer as comunidades de montes e os pagamentos municipais.

O turismo pode ser a industria con máis posibilidades dentro de Cervo

-Séntese en Cervo tamén o desecenso de poboación como moitos concellos?

Creo que se sente dentro dos mesmos parámetros experimentados por outros municipios. A baixada da natalidade é máis que evidente no país, e tamén debemos ter en conta o traslado de poboación a outros lugares limítrofes máis grandes. Lembremos que Cervo e Burela foron o mesmo concello e coa segregación cada un toma o seu camiño. Antes disto a veciñanza de moitas aldeas de Cervo tiña un fluxo comercial e económico a Burela. Con todo, desde o Concello prestamos un nivel moi alto de servizos á veciñanza desde escolas infantís, centros educativos renovados con capital humano, instalacións deportivas suficientes, e todo isto conforma un atractivo para as familias. Tamén estamos ampliando o saneamento a zonas ata onde non chegara de momento.

-Durante os momentos máis difíciles da COVID como os afrontaron?

Cumprindo con todas as normativas que poñían encima da mesa e perto da nosa xente, sobre todo aquelas persoas en peor situación. Tamén contamos con servizos de Protección Civil para facer o que se consideraba o mellor que se podía facer. Agora mesmo temos unha liña de axudas para os sectores que sufriron máis economicamente. Modificamos ordenanzas para rebaixar a un euro as taxas de lixo, auga e outros servizos para a poboación en xeral e tamén para empresas e sectores como a hostalaría. Penso que foron liñas de axudas importante dentro das nosas capacidades.

-Estamos na metade da lexislatura, cal é o grande proxecto que lle gustaría ver finalizado antes das eleccións?

Nós apostaremos polos servizos públicos e por ese nivel de calidade de servizos que presta o Concello. Moitos dos nosos veciños e veciñas xa coñecen a alta prestación dos nosos servizos municipais. Apostaremos por un municipio atractivo cun patrimomio rico e apostaremos firmemente para que Cervo sexa máis vistoso. Tentaremos eliminar algúns esqueletes de edificios que quedaron a medio facer cando a crise da construción así que dentro de pouco veremos algún paso.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here